O coordinador federal de Izquierda Unida, Cayo Lara, presentou hoxe a proposta de acordo político de ámbito estatal que esta organización ofrece a debate a todas as formacións políticas para previr e combater a corrupción e rexenerar a vida democrática. IU busca que esta iniciativa –que consta de 20 puntos que inclúen medidas moi concretas e unha batería de peticións de reforma de leis importantes- sexa debatida e concretada no Congreso dos Deputados e que se estenda tamén aos órganos lexislativos de comunidades autónomas e concellos.
Segundo expuxo Cayo Lara, “en IU opinamos que a corrupción ameaza directamente á democracia. Está xustificada a ira dos cidadáns ante os escándalos que se seguen coñecendo”.
Detallou que esta secuela “está ligada ao sistema produtivo e creceu polo modelo de desenvolvemento español ligado ao ladrillo e á especulación. É o mesmo causante que impedirá que se poida saír da crise ao mesmo tempo que outros países da UE”.
O máximo responsable de IU, acompañado polo secretario de Economía e Traballo, José Antonio García Rubio, avisou de que a corrupción “desafecta á xente da política, da democracia” e puxo como exemplo que “non é de recibo que haxa 18 alcaldes condenados e só un no cárcere”. Lamentou que cuestións así acaben dando ás a quen “interesadamente tentan transmitir a idea de que todos os políticos son iguais”.
“É unha vergoña absoluta –dixo- que teñamos que estar a propor medidas para combater a corrupción, cando todo o país e as forzas políticas deberían estar a dedicar todo o seu esforzo a combater a crise e o paro, os dous grandes problemas que de verdade afectan á vida dos cidadáns”.
A proposta de acordo político lanzada céntrase en medidas dirixidas a mellorar a persecución de delitos vinculados á corrupción, a incrementar o control nas contratacións que fan as administracións públicas, mellorar leis como a de Financiamento dos Partidos ou a facer máis transparente a xestión pública.
Entre os puntos máis destacados está a petición de endurecemento das penas no Código Penal e a ampliación até 30 anos da inhabilitación para desempeñar cargos públicos. Tamén se pide limitar a recepción de agasallos e invitacións dos empregados públicos, procedementos de urxencia nas dilixencias xudiciais relacionadas con corrupción política, así como a dotación de medios ás Fiscalías Anticorrupción, os Tribunais Superiores das CC.AA e á Axencia Tributaria.
O documento tamén expón fixar a responsabilidade subsidiaria para as institucións financeiras que colaboren en ocultación de bens, evasión de capitais e operacións en paraísos fiscais dos condenados por delitos vinculados á corrupción.
Así mesmo, propón o establecemento de Comisións de Control e Seguimento da contratación e as externalizacións en Departamentos Ministeriais, Consellerías, Organismos e Concellos con participación de representantes dos traballadores e, no seu caso, dos partidos de oposición e das Asociacións de Veciños; así como a creación dunha comisión parlamentaria especial e Comisións homólogas nos Parlamentos das CCAA.
No apartado de propostas de reformas lexislativas, Izquierda Unida reclama o compromiso das forzas políticas para modificar a Lei Electoral, a de Financiamento de Partidos Políticos, a Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público, a Lei de Bases de Réxime Local, unha Lei de Financiamento Local que garanta o principio de suficiencia, a incorporación ao ordenamento legal español das recomendacións do Grupo de Estados contra a Corrupción (GRECO), e o desenvolvemento urxente das medidas preventivas contempladas na Lei do Chan.
Entre as medidas para asegurar a transparencia da xestión pública e a participación cidadá, IU quere regular con criterios de austeridade dos salarios dos cargos públicos, un bo sistema de incompatibilidades, crear un rexistro público de recualificacións de chan e aumento da fiscalidade das plusvalías obtidas, crear un rexistro de posuidores de billetes de 500 euros e ampliar o ‘Código Ético do cargo público’.
ABSOLUTO RESPALDO A MANUEL FUENTES
Na mesma comparecencia, Cayo Lara cualificou como “sentencia do silencio” o fallo xudicial coñecido o día antes polo cal se condena ao alcalde de Seseña, Manuel Fuentes, e outros catro edís e ex edís de IU por calumnias ao construtor Francisco Hernando, máis coñecido como ‘Paco, o Pocero’.
O Xulgado número 1 de Toledo impúxolles unha multa individual de 3.600 euros, unha indemnización conxunta de 15.000 euros e o pago das costas ao considerarlles responsables da publicación dun boletín da Asemblea local de Seseña no que se incluía o artigo ‘O mago do ladrillo’, onde o xuíz cre ver as calumnias polas que condena aos dirixentes de IU.
“Que estarán a pensar –interrogouse- os miles de alcaldes honrados do país e as decenas de miles de concelleiros e concelleiras cando coñezan esta sentenza contra un dos alcaldes de España que máis están a combater as presións ao longo do tempo para tentar que brille a democracia, a transparencia e a legalidade no seu concello”.
Para o coordinador federal de IU “moitos alcaldes e concelleiros pensarán que cando lles entre algún promotor como ‘O Pocero’ teñen que ter moitísimo coidado na defensa da democracia coas declaracións que poidan facer ante o poder económico e as presións para tentar lograr determinadas concesións”.
Lara resumiu a súa opinión argumentando que se axuda pouco con esta sentenza a loitar contra o que ten que actuar o país agora. Quen defende a democracia e a transparencia deben plantarse ante quen tratan de violentar estas cuestións”.
Cayo Lara indicou con vehemencia que IU seguirá “combatendo politicamente” aos promotores que traten de impor os seus criterios e subliñou que “a democracia está por encima” de calquera sentenza por adversa que poida ser. Neste sentido, ratificou a súa confianza na Xustiza, o que se traduce en que se seguirá achegando á Fiscalía Anticorrupción “todos os indicios e datos de presuntos casos de corrupción e maquinacións especulativas que haxa en calquera punto de España”.

