O Concello do Grove, a través da Concellería de Xuventude, dirixida polo edil de Esquerda Unida Xan Lamelas, porá un ano máis en marcha a Escola de Verán, dirixida a nenos e nenas nados entre 1.997 e 2.005.
A finalidade desta actividade, que terá unha duración de dous meses (entre o 1 de xullo e o 31 de agosto), será facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias grovenses, que nos meses de verán están ocupadas en traballos de tempada.
Os nenos e nenas realizarán diversas actividades recreativo-culturais, con epicentro no Colexio Rosalía de Castro, entre as que se atoparán deportes non convencionais, animación acuática (saídas á praia), xogos grupais, obradoiros, animación, construcións ao aire libre, etc.
As prazas ofertadas son 200, das que 15 están reservadas para os servizos sociais, sendo a cota de participación de 60 € mensuais. No caso de que asistan dous irmáns, a cota rebaixarase a 50 € mensuais, e no caso de que sexan tres ou mais, a cota quedará en 40 € mensuais cada un.
O prazo de inscición será entre o 3 e o 12 de xuño, debendo presentar os pais as solicitudes no Edificio de Usos Múltiples do Concello. A lista de admitidos publicarase o 19 de xuño, tendo estes que pasar antes do 26 de xuño polo Edificio de Usos Múltiples para confirmar a praza co ingreso da cota en conta bancaria.



