EDAR O Grove
Setembro 30, 2007 por admin
Desde a agrupación local de Esquerda Unida queremos amosar a nosa ledicia porque a proposta do noso grupo de buscar unha ubicación alternativa ao porto para situar a EDAR de O Grove tivese éxito.
Durante a campaña electoral, Esquerda Unida amosámonos contrarios á ubicación da estación depuradora de augas residuais no entorno do porto de O Grove, por entender que esta situación era lesiva contra os intereses tanto turísticos e económicos como de calidade de vida dos nosos veciños. Por estes motivos, propuxemos aos nosos socios de goberno un estudo feito por enxeñeiros para determinar posíbeis ubicacións alternativas para a EDAR, e poñíamos como exemplo a zona de Conservas Garavilla, por ser xa unha zona industrial onde existen outras instalacións de depuradoras.
Unha vez realizado este estudo, a zona proposta por nós revélase como a máis axeitada para realizar a tan precisa instalación, xa que O Grove non se pode seguir permitindo verquer as súas augas á ría sen que pasen antes por unha estación depuradora, polo que o noso Concello por fin poderá dotarse desta infraestrutura, que era un dos obxectivos principais marcados no Pacto de Goberno, e que ademais axudará a tramitación do tamén urxente PXOM, xa que sen unha instalación destas características, non se pode xustificar o impacto ambiental da poboación sobre o entorno natural.
